viernes, 16 de enero de 2009

Comentario da obra por Calros Solla

¿Quen deu por desvaida a fermosura?, ¿quen se afana en murchar o arco da vella, o abrente, o solpor, o setestrelo?, quen enxerga apazugar o ánimo crebado no esgrevio xergón da fútema?. Malpocados, a beldade ainda campa, ainda reina nos recantos intocados, nos secretos paraisos dos poetas, na lenturosa ensoñación dos pintores, pegureiros da natureza indómita.

Só o artista, caste senlleira, sabe das vereas, dos peares, dos pasadoiros acochados, roteiros iniciáticos que conducen ó espírito perante o espello das esencias; quizais unha folla en branco, quizais un branco lenzo, quizais unha lene saba de neve encol dos picoutos da soidade...

E acordamos os ollos esgotados de mundo ao verde das ribeiras que recenden a troita e a fariña das moendas de outrora, tanxe o vento na folla de bridos e ameneiros, bea unha ovella, brada un boi, regalamos a vista cansa ao azul dos cantís e mar aberto -o salitre presentido axota o pestanexo- espeta o carrán coma lóstrego, larga o pano unha dorna.

Rebumbio de xente, pendello a pendello, a vida é romaxe, rabúñanos arestora a miraxe da augardente, leite pagán da alquitara; do caldo albariño, do caiño que risca a súa negra pouta no luar da cunca, goréntanos o molete, froito da seara triga, acabadiño de enfornar, amosando impúdico o miolo, ainda quente. ¿Que mellor leito para unha onza de polbo á feira?, ¿que mellor cameiro para unha sardiña de San Xoán?.

De socate, o rubir fricativo da fogatería asolaga os sentidos, cobra fatua, bulleiro de pólvora, cadoiro de estouros abouxantes, irrompen as gaitas no torreiro, andoriñas de fol, torna o gaiteiro da música, gado rebuldeiro, e acortíñao en pasarrúas, muiñeiras, alboradas... Gaiteiriños da Galiza, rexos mariscais do sentimento, rubio sangue e acibeche nas galas. Emerxe dos piagos da alma un aturuxo, pois cadora, cómpre tirarlle o testo á emoción que ferve, céibanse as pernas ao antollo do redobrantee, daquela, as polas do corazón estalícanse de corvos e amargura. Oxalá foxe eterno este intre.

Eis o universo do mestre Sutil. Os seus corpos celestes ordénanse coma mazás maduras na herbeira, á roda da mazanceira abaloirada pola airexa do agosto. Arte pura, límpida, reconfortante, pintura exenta dos adobíos da falsa modernidade, pintura intemporal, eterna, á contrafio das modas. testemuño dunha beleza pretérita ou ameazada, valioso documento etnográfico. Cando a nosa isentidade se sublime no fumeiro da lembranza, a pintura de Sutil, frauta engaioladora, deitará no chan un fio de faragullas, chamaranos docemente, convidándonos a atravesar a tea por ver de achar no outro lado os vestixios de quen vimos sendo.

No hay comentarios: